Policías, xuíces, fiscais e expertos, debatirán sobre o cibercrime no 3º Congreso Nacional de Policía Tecnolóxica

xoves, 15 de outubro do 2009 Raquel Noya

A sede da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e para a Sociedade da Información do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vai acoller, o vindeiro día 5 de novembro, a celebración da terceira edición do Congreso Nacional de Policías Tecnolóxicas (3CNPT), que se consolida como o punto de encontro e intercambio para xuíces, fiscais e os distintos corpos policiais dedicados á persecución do delito informático e contra a propiedade intelectual.
Así o vén de anunciar a Business Software Alliance (BSA), unha das máis importantes organizacións dedicada a promover o mundo dixital seguro e legal, que organiza este evento en colaboración cos Ministerios de Cultura, Industria e Interior.
O gran desenvolvemento da Sociedade da Información en España nos últimos anos supuxo, segundo afirman os membros da entidade organizadora deste evento, “un incremento do interese polos aspectos legais e de seguridade que leva consigo a utilización de novas tecnoloxías en moi distintos ámbitos”. “Previr e reducir os delitos informáticos, en todas as súas manifestacións, e desenvolver un marco legal apropiado”, continúan, “son factores chave para seguir avanzando no desenvolvemento da Sociedade da Información en España”.
Neste senso, o devandito Congreso perseguirá “aumentar o grao de concienciación, formación e sensibilización de cidadáns, empresas e Administracións Públicas en materia de seguridade no contexto dixital" sinalou Luis Frutos, Presidente do Comité Español de BSA.
O debate e os relatorios que se levarán a cabo durante o Congreso, convertiranse nunha “excelente plataforma” para a difusión dos retos aos que se enfronta a Sociedade da Información e do labor conxunto das distintas administracións e Forzas e Corpos de Seguridade do Estado en materia de seguridade.
Dende o punto de vista dos contidos, esta terceira edición volverá tratar en profundidade temas como a protección dos dereitos de propiedade intelectual en Internet e a fraude electrónica, problemáticas ás que estarán dedicadas dúas das tres mesas redondas que compoñerán a axenda do 3CNPT.
A terceira mesa redonda e novidade este ano no Congreso, xirará en torno á problemática das redes sociais, dende o punto de vista da seguridade e a privacidade. Perante o espectacular crecemento destas redes, é preciso reflexionar acerca do seu funcionamento para protexer a totalidade dos seus usuarios dos riscos que pode levar consigo a súa utilización sen as debidas precaucións.
As sesións contarán coa participación de policías, xuíces, fiscais e expertos nos diferentes ámbitos de protección das persoas e as empresas fronte ao delito informático e o delito contra a propiedade intelectual.

PUBLICIDADE