Polémica pola suposta venda de datos sobre os usuarios de TomTom á policía holandesa

xoves, 28 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

Quen precisa usar de verdade o navegador TomTom, xa o ten. Asemade, o mundo non medra, e polo de agora non nos deu por conducir noutros planetas. Polo tanto, algo terá que facer a empresa responsable do seu desenvolvemento para seguirlle atopando rendibilidade, alén da posta en marcha de novas funcionalidades que serán un pouco como dar voltas arredor do mesmo. Segundo se conta polo miúdo na Rede, os días pasados investigouse á dita compañía por unhas supostas prácticas que atentarían, de confirmarse definitivamente, contra a privacidade dos clientes, por moito que haxa quen mereza (e todos sabemos que hai condutores que o merecen) un serio atentando contra a súa privacidade e/ou liberdade de movementos.
Máis polo miúdo, o problema está nunha suposta venda de datos das velocidades dos usuarios deste tipo de navegadores ás autoridades de Holanda. A raizame disto está na posibilidade de rexistrar velocidades e posicións que teoricamente se reserva TomTom para si mesma, información que se podería ter vendido ao goberno holandés co obxecto de mellorar o emprazamento dos radares para o control de velocidades do tráfico. Para entendérmonos: estaríamos a falar dunha colaboración para situar á policía do país alí onde máis posibilidades hai que de que os condutores comentan infraccións. Os feitos están a achegar moito rebumbio, e a empresa, ao parecer, xa pediu desculpas, polo que podemos supoñer case con total seguridade que a historia da venda de datos foi real.

PUBLICIDADE