Poderemos gozar das nosas subscricións a contidos dixitais ao viaxar dentro da Unión Europea

luns, 2 de abril do 2018 Marcus Fernández

Este domingo entraron en vigor as novas normas que regulan a portabilidade dos contidos dixitais dentro da Unión Europea, ou sexa, que ao igual que acontece coa telefonía móbil, que podemos empregar as nosas liñas cando viaxamos nos países da Unión coma se estivésemos no noso país de orixe, agora acontecerá o mesmo coas subscricións que teñamos a servizos de películas, retransmisións deportivas, música en streaming, libros electrónicos ou videoxogos.
Para que estas normas sexan posibles a Unión Europea libera aos provedores de contido a adquirir licenzas nos territorios nos que os seus subscritores estean temporalmente. Búscase así responder aos novos comportamentos e hábitos dos cidadáns europeos coa tecnoloxía, xa que cada vez é máis frecuente que os cidadáns estean subscritos a servizos como Netflix, Amazon Prime Video ou HBO, e durante os desprazamentos xeográficos atopaban que non podían acceder a moitos contidos bloqueados rexionalmente, o que agora pasará a historia dentro das fronteiras europeas.
O beneficio para os consumidores é notable, xa que agora poderemos acceder a contidos dixitais aos que estamos subscritos con independencia do país da U.E. no que esteamos e sen atopar a desagradable sorpresa de que filmes e series de televisión aparecen en idiomas que non entendemos, algo que até o momento moitos usuarios solucionaban tirando proveito de redes privadas virtuais, que agora serán innecesarias.
A este regulamento habería que incluírlle unha matización: espérase que dentro dun ano a nova medida deixe de incluír ao Reino Unido por mor do Brexit.
Aínda que esta normativa está pensada principalmente para servizos de pagamento contratados no noso país de orixe, tamén poderá aplicarse a servizos de balde se o provedor de contidos quere aproveitar o novo regulamento, ou sexa, que canles de televisión que ofrecen os seus contidos en aberto a través da Internet dentro de España poderán permitir que usuarios españois noutros países da Unión Europea poidan acceder aos seus contidos (sen precisar do pagamento de dereitos de retransmisión para outros países).

PUBLICIDADE