Poderase empregar a videoconferencia para darse de alta na Chave 365

mércores, 25 de maio do 2022 Redacción

Facilitar e ampliar o uso da Chave 365 é un dos obxectivos da Xunta para estender o uso da Administración electrónica entre a cidadanía. Por iso modificarán a orde que rexe este sistema de claves concertadas para facilitar a identificación por videoconferencia e posibilitar os seu uso por persoas non residentes España.
AMTEGA publica hoxe no portal de transparencia o proxecto de orde que permitirá estas modificacións e que está aberto a suxestións até o vindeiro 16 de xuño.
Unha das modificacións do sistema é habilitar o identificación do usuario de Chave 365 a través de videoconferencia, evitando a identificación presencial nunha oficina de rexistro ou a través da sede electrónica cun DNI electrónico.
Por outra banda para facilitar o uso de Chave 365 por parte de persoas non residentes en España que non dispoñan de NIF o sistema creará un identificador co que poderán acceder.
Para empregar este sistema o usuario só ten que darse de alta no servizo, verificando a súa identidade, ben a través da sede electrónica, ben nunha oficina de rexistro da Xunta, ou, en breve, a través de videoconferencia.
Unha vez verificada a súa identidade, o usuario recibe no seu móbil unha clave de acceso, que emprega xunto co seu NIF, ou un identificador no caso de non residir en España e non dispoñer de NIF. Deste xeito cada vez que queira realizar unha xestión, introduce a clave de acceso, o NIF ou o identificador na sede electrónica e recibirá automaticamente no seu móbil un código de sinatura dun só uso e válido durante 24 horas para realizar o trámite.

PUBLICIDADE