Podemos identificarnos coa aplicación de miDGT para votar

luns, 19 de xuño do 2023 Marcus Fernández

Cada vez temos máis facilidades tecnolóxicas para exercer os nosos dereitos e deberes como cidadáns, e ao igual que agora podemos conseguir o noso certificado dixital dende casa (para así poder solicitar o voto por correo sen ter que achegarse a unha oficina de Correos), están a dar conta dun acordo da Xunta Electoral Central relativa á identificación dos votantes nas mesas electorais, que non se limita á presentación de orixinais do DNI ou do permiso de condución, senón que tamén se aplicaría á presentación do carné de conducir a través da aplicación miDGT, pois a Dirección Xeral de Tráfico considera que estamos ante «un medio de acreditación da identidade do votante válido ao tratarse dun documento oficial que inclúe a fotografía do votante».
Aínda que podemos admitir que resulta máis cómodo amosar o DNI ou o carné de conducir en formato físico que ter que sacar o smartphone, abrir a aplicación de miDGT e amosar o permiso de condución en formato dixital, cómpre lembrar que teremos que afacernos a este tipo de método de identificación, xa que confíase en que para o ano que vén sexa unha realidade a mesma integración no móbil do DNI que actualmente temos co carné de conducir, o que fará moi natural o uso do smartphone para identificarnos ante as administracións públicas.

PUBLICIDADE