Plusdede.com despídese dos seus usuarios

luns, 17 de setembro do 2018 Marcus Fernández

O ano pasado, tras un problema de seguridade na popular páxina web Pordede.com, emerxeu Plusdede.com, espazo que clonaba ao anterior e incluso funcionaba coas súas credenciais de acceso (probablemente conseguidas a través do incidente de seguridade da web orixinal), e que agora tamén está a despedirse cunha mensaxe na que aseguran que «por motivos que foxen do nosos control, a web pechará esta semana», facilitando aos seus usuarios a descarga das súas listaxes de contidos audiovisuais por se no futuro xorde outro proxecto semellante que permita importar eses datos.
Deste xeito di adeus esta sorte de Netflix pirata, que para moitos usuarios tiña utilidade por facilitar o seguimento de películas e series (máis que o seu propio consumo), pero que tampouco suporá unha grande perda, xa que non conseguira a sona do proxecto orixinal e conta cunha cantidade tan grande de alternativas que dificilmente suporá ningún trauma para os seus usuarios.

PUBLICIDADE