PlayStation VR permite ver vídeos envolventes de YouTube

xoves, 22 de decembro do 2016 Marcus Fernández

A aplicación de YouTube para PlayStation 4 está a actualizarse á súa versión 1.09 incorporando como grande actualización un detalle que agradecerán especialmente os usuarios que conten cun casco PlayStation VR, xa que incorpora compatibilidade con este accesorio para que os vídeos en 360 graos subidos a YouTube poidan verse de xeito envolvente, o que permite tirar un maior proveito do casco de realidade virtual, xa que non servirá só para reproducir aplicacións de VR, senón que tamén permite consumir numerosos contidos envolventes que a meirande parte dos usuarios só podían ver introducindo o seu smartphone nun cartón de Google ou casco semellante, e que agora teñen dispoñible a través dun visor de calidade e cómodo de usar.
Dado que os vídeos en 360 anos levan moitos meses subíndose a YouTube, a cantidade de contidos envolventes é moi amplo, e o feito de que poidan agora verse con PlayStation VR é o que podemos chamar un win-win, xa que potenciará a subida de contido en 360 graos a YouTube e tamén fará máis atractiva a compra de PlayStation VR.
Até o momento, para ver vídeos envolventes con PlayStation VR había que descargalos para velos a través do reprodutor multimedia da PlayStation 4, pero agora non será preciso o paso previo da descarga, de xeito que resulta moito máis áxil e cómoda a reprodución de vídeos envolventes compartidos a través de YouTube.

PUBLICIDADE