Pintos&Salgado reivindica o dereito ao esquecemento no Día Europeo da Protección de Datos

venres, 26 de xaneiro do 2024 S. P.

Co gallo da celebración do Día Europeo da Protección de Datos, o 28 de xaneiro, o bufete coruñés especializado en dereito dixital, Pintos&Salgado, que traballa desde 1999 no eido da protección da información, decidiu dar a coñecer un conxunto de boas prácticas e a analizar cuestións esenciais dentro do ecosistema virtual contemporáneo. Dicir que esta data foi proclamada pola Comisión Europea para informar e concienciar sobre os dereitos e obrigas dos usuarios de Internet, aumentando a sensibilización cidadá sobre un tema tan importante como a xestión dos seus datos persoais.
Segundo Víctor Salgado, socio do despacho e divulgador, “celebrar este 28 de xaneiro supón lembrar a importancia do dereito á intimidade que nace en 1978, coa Constitución Española, e que se ha ir ampliando ao compás da nosa contorna, cada vez máis tecnolóxica, até o concepto actual de dereito á privacidade... se ao comezo centrabámonos en protexer xuridicamente só a información máis sensíbel, agora mesmo o dereito á privacidade permítenos salvagardar calquera dato relacionado co usuario”.
Para Salgado, é fundamental que todo cidadán saiba que ten un “dereito a protexer, pero tamén a controlar o uso dos seus datos de carácter persoal”, un control que se fai aínda máis urxente se se pensa no tipo de negocio das grandes empresas tecnolóxicas.
“O modelo de negocio de Internet do todo gratis implica que, se non hai un pago económico, hai un pago cos nosos datos. Ese é o gran custo: que as grandes plataformas mercantilizan e explotan masivamente a nosa información persoal e esta maneira de xerar ingresos erosiona os dereitos de privacidade do usuario”, analiza Salgado.
Na actualidade, é difícil que unha persoa non teña un rastro dixital nos buscadores, e por iso mesmo no Día Europeo da Protección de Datos cobra especial importancia divulgar o dereito ao esquecemento, segundo a perspectiva de Pintos & Salgado.
“É seguramente un dos conceptos xurídicos centrais na protección da privacidade. O dereito ao esquecemento garante que calquera persoa poida solicitar a todas as entidades que publican información sobre un mesmo a eliminación deses datos, porque a nosa presenza en Google, por exemplo, tamén depende do que o resto faga cos nosos datos persoais”, salienta Víctor Salgado.
De feito, desde o 2014 todo usuario pode dirixirse directamente aos buscadores de Internet para que supriman a información sobre si mesmo que aparece nos resultados de procura, apoderando á cidadanía na xestión da súa presenza dixital.
Por último, dende Pintos & Salgado achegan tres consellos para calquera usuario de Internet: ser consciente da información que publica cada un na rede (prestar atención aos formularios que cubrimos nunha web, contido cerado nas redes sociais...), facer un exercicio de análise da nosa presenza dixital con periodicidade (explorando nos buscadores datos sobre un mesmo) e permanecer activos na defensa dos nosos dereitos como usuarios (protestar e contactar coas entidades que fan un uso indebido da información persoal e exercer o dereito ao esquecemento ou supresión).

PUBLICIDADE