Picnik: retocador gratuíto de imaxes en liña

venres, 24 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Vimos de coñecer na Rede a ferramenta pola que de seguro devecen os directivos da publicación francesa Paris-Match, amais doutras moitas da mesma liña. Ou sexa, un posible bo apoio para que o tempo que dedican a tratar unha imaxe do presidente do país (Sarkozy) en traxe de baño sexa o máis breve posible e, a maiores, dando como resultado un bo traballo de redución de graxas institucionais. Enleadas aparte, o certo é que a Rede semella que se está a poñer as pillas en materia de achegar recursos para a mellora, adaptación e reconstrución dos seus alicerces básicos: as imaxes. Vía o blog de Enrique Dans, fomos dar a Picnik, un servizo que, amais de achegarnos a posibilidade de subir fotos dende o computador, a webcam ou as contas de Flickr ou Picasa, dános marxe para retocalas e sen saír do navegador.
As ferramentas postas á nosa disposición son máis ou menos as de sempre: exposición, rotación, cor, contraste, pero a vantaxe deste servizo está no seu carácter aberto, receptor e subministrador de incorporacións constantes. Non é preciso abrir unha conta para empregalo, e mesmo podemos familiarizarnos con el sen necesidade de subir unha imaxe (hainas de demostración). O servizo, que ten o visto bo de Michael Arrington entre outros dispoñibles do mesmo pau, non se alimenta do aire. É dicir: hai modelo de negocio, aínda que a simple vista non o enxerguemos. Baséase nos premium services, que consisten en achegar aplicacións estándar de balde e, logo, ir ofrecendo complementos interesantes de pago.

PUBLICIDADE