Pexego obtén a norma CMMI2 que certifica a calidade do seu software

martes, 22 de marzo do 2011 Fernando Sarasketa

Interior da sede de Pexego fotografado por EP/IPEQUENA para Europa Press

A empresa galega Pexego vén de conseguir un importante recoñecemento á súa traxectoria e á calidade dos seus servizos, centrados en boa medida no eido das novas tecnoloxías da información para empresas (ferramentas libres para o comercio en liña ou a xestión), para proxectos de ensinanza dixital (canles e contidos) e para iniciativas de tipo social. Máis polo miúdo, o recoñecemento chega da man do Software Engeneering Institute (SEI) e trátase da certificación na norma de calidade CMMI, aval que asegura perante clientes e socios o bo facer e a madurez dunha empresa en materia de software. O certificado foi froito dunha auditoría rematada con éxito dentro do seo de Pexego para a obtención da norma CMMI de calidade de software, acadando o nivel de madurez 2.
Isto significa, entre outras cousas, que os proxectos que abrollan da firma Pexego son xestionados e controlados polo miúdo durante o seu desenvolvemento, “achegando transparencia e posibilidade detallada de saber en que estado se atopa a cada intre”. Os procesos que foron precisos implantar para acadar o nivel son os seguintes: xestión de requirimentos, planificación de proxectos, seguimento e control de proxectos, xestión de provedores, aseguramento da calidade e xestión da configuración. Segundo apuntan fontes da compañía, a certificación obtida “influirá de xeito positivo nos procesos e produtos da empresa, sendo o cliente final o maior beneficiado”.
Cómpre lembrar que Pexego, firma xurdida ao abeiro da Universidade de Santiago, estivo hai uns días nunha boa parte dos medios de comunicación galego polo seu labor a prol da creación da faciana 2.0 do Centro Oncolóxico de Galicia, promovida por Acio e desenvolvida pola empresa que nos ocupa. Trátase dunha rede social que permite poñer en contacto a persoas cun interese común: o cancro. O proxecto chámase OncoRed.es, e xa está a disposición de calquera cidadán con acceso a internet.

PUBLICIDADE