Peticións ao Goberno entrante a prol dunha meirande protección dos consumidores na Rede

venres, 18 de novembro do 2011 Fernando Sarasketa

Sexa quen sexa quen goberne a partir dos días vindeiros, logo das eleccións deste domingo, debe protexer os dereitos de quen merca servizos e produtos a través da Rede. Esta é unha das mensaxes que está a lanzar estes días ASGECO, a Asociación Xeral de Consumidores, para quen está claro que aínda hai uns cantos cabos soltos que amañar no que se refire á salvagarda do cidadán que compra en liña ou que se fai con diversos servizos que veñen polas canles dixitais. As peticións de ASGECO, inseridas no seu Plan de Acción en materia de consumo, diríxense a tódolos partidos que concorren nas eleccións, con independencia da súa ideoloxía.
De feito, sinalan, estamos ante unha cuestión, a do axeitado afianzamento das redes como plataformas de comunicación e comercio que é clave para saírmos da crise. Neste senso, ASGECO insta ao Goberno español entrante a que favoreza a libre competencia no mercado da banda larga “co fin de asegurar prezos máis accesíbeis para toda a cidadanía”. Amais, o novo Executivo deberá redobrar os esforzos desenvolvidos até o de agora para romper coa fenda dixital, moi prexudicial en algunhas zonas rurais do territorio estatal, xa de por si, xeralmente, deficitarias en todo tipo de servizos e oportunidades.
Asemade, a asociación estatal esixe que se impulse o proxecto de Lei de Servizos de Atención ao Cliente (Lei SAC) até os máximos niveis, “co fin de achegar á cidadanía un número de atención de balde nas empresas e asegurar que os tempos e as formas das reclamacións se podan axustar a velocidades rápidas e métodos de compresión doada”. Para rematar e volvendo á cuestión coa que abrimos, a entidade considera fundamental que se afonde na mellora da protección dos usuarios no contorno dixital, coa transposición da Directiva 2009/136, asegurándolles aos usuarios de Internet que o acubillo de información sobre navegación que realizan os sitios web (as chamadas cookies) só se poderá levar a cabo previo consentimento do propio cidadán. “Ademais é preciso mellorar o regulamento relativo á práctica do cloud computing”, engade ASGECO.

PUBLICIDADE