Pertegaz abre as súas portas ao mundo online da man da galega JEALFER

martes, 1 de outubro do 2019 Redacción

A primeira colección prêt-à-porter outono/inverno 2019-2020 de Pertegaz vén de inaugurar a súa tenda en liña. O desembarco no ámbito dixital e do comercio electrónico foi posíbel grazas a JEALFER, empresa galega con 65 anos de experiencia no sector téxtil e licenciataria internacional da marca.
Por certo que JEALFER tamén foi a encargada, hai uns meses, de relanzar o prêt-à-porter para muller de Pertegaz. O chimpo ao comercio electrónico materializouse este 30 de setembro.
Nesta nova colección con marcado carácter universal, grazas en boa medida aos muros comerciais que se derruban pola aposta dixital, a casa aposta nesta colección por prendas de día con carácter urbano e cortes xastre, mentres que para a noite, recupera pezas sofisticadas e maxestosas.
JEALFER é unha empresa galega especializada en produción e distribución de moda feminina e masculina, con sede principal en Boiro. É propiedade dos fundadores da conserveira JEALSA Rianxeira, que tamén son propietarios da firma Viriato e das tendas Factory Shop. A relación de JEALFER coa firma Pertegaz vén de lonxe, aínda que foi neste último ano cando colleu impulso definitivo, primeiro co lanzamento da devandita colección (seguindo o ronsel creativo do deseñador turolense Pertegaz) e agora coa posta en marcha da tenda en liña.

PUBLICIDADE