Persoal de AtlantTIC co-organiza unha das principais citas internacionais en telecomunicacións

venres, 9 de outubro do 2020 S. P.

O Grupo de Tecnoloxías da Información (GTI) do centro de investigación AtlantTIC (Universidade de Vigo) participará o vindeiro luns día 12 de outubro na XVI edición da International Conference on Wireless and Mobile Computing, Networking and Communications, o evento WiMob 2020, un dos congresos máis importantes do mundo no ámbito das comunicacións móbiles. Farao organizando o 7th International Workshop on Cooperative Wireless Networks - CWN 2020, un obradoiro no que se abordarán as últimas novidades sobre as redes sen fíos cooperativas, un dos elementos clave para o avance da que será a Internet do futuro.
O congreso, incluído o CWN 2020, cuxa organización corre a cargo dos investigadores de AtlantTIC Cristina López Bravo, Pablo Fondo Ferreiro e David Candal Ventureira, xunto a Antonio Javier García Sánchez da Universidad Politécnica de Cartaxena, celebrarase de xeito virtual, finalmente, por mor da crise sanitaria.
A finalidade do CWN 2020 é ofrecer un espazo para que investigadores e investigadoras intercambien experiencias e coñecementos sobre este tipo de redes. Segundo explican desde a organización, o concepto de cooperación pódese aplicar a un amplo alcance de tecnoloxías, sistemas e aplicacións, co fin de lograr un uso eficiente do espectro (radio cognitiva), cobertura de rede estendida (diversidade cooperativa, retransmisión multi-hop), mellorado o rendemento e a fiabilidade (codificación de rede, protocolos de capas cruzadas, corte de rede) e seguridade do usuario (redes de vehículos, redes de emerxencia), entre outros aspectos.

PUBLICIDADE