Periscope estrea versión para Android

martes, 26 de maio do 2015 Marcus Fernández

Dous meses pasaron xa dende o lanzamento da aplicación Periscope para iPhone, que converteuse en todo un fenómeno ao facilitar até o extremo a transmisión de vídeo en directo a través da Internet, e dende hoxe é posible descargar Periscope para teléfonos con Android 4.4 ou superior, o que dispara o parque de dispositivos dende os que será agora posible facer uso desta ferramenta desenvolvida dende Twitter que presenta as mesmas funcionalidades que a versión para iOS, aínda que cun maior control das notificacións.
Dende Periscope poderemos transmitir vídeo de xeito público ou privado, intercambiar comentarios durante as retransmisións e enviar corazóns (o equivalente desta ferramenta aos Gústame) premendo sobre a pantalla. A aplicación tamén facilita retomar unha retransmisión no caso de que se interrompese por unha chamada ou mensaxe e tamén será posible gardar a repetición dunha retransmisión sen precisar subir o vídeo, o que supón un importante aforro de tempo e de consumo de datos móbiles.
Os responsables da aplicación aseguran que estamos só ante unha primeira versión, que irá evolucionando, pois xa teñen numerosas melloras e funcionalidades previstas para a súa incorporación paulatina, deixando clara a intención de converter a esta aplicación en todo un fenómeno en liña.

PUBLICIDADE