Pere Marqués instou a explorar novas metodoloxías para tirar proveito das TIC na educación

venres, 10 de maio do 2013 Redacción

O experto en tecnoloxía educativa, Pere Marqués, conduciu hoxe un seminario sobre tablets na educación organizado polo CEE Nosa Señora de Lourdes-Aspronaga ao que acudiron máis de 200 persoas do ámbito educativo de toda Galicia e no que asegurou que España está “da metade para abaixo” na listaxe dos recursos tecnolóxicos na educación e “máis abaixo aínda” se temos en conta o seu uso axeitado. Marqués concreta que “copiamos as metodoloxías de cando o encerado, o xiz e a libreta. Hai que traballar diferente, non é o mesmo pendurar un cadro cunha punta e un martelo que se temos unha trade. Non está mal comezar polo que se coñece, pero hai que descubrir novas cousas”.
O experto catalán ofreceu ao seu público solucións para posibles problemas na aula como consellos para evitar as distraccións cando se emprega un tablet ou como facer que os alumnos aprendan incluso ao plaxiaren os seus traballos da Internet.
Ao seminario tamén fixo achegas Feliciano Couto, coordinador TIC do CEE Nosa Señora de Lourdes, que explicou a importancia do uso das TIC na educación para persoas con discapacidade intelectual, que no caso do centro no que desenvolve a súa actividade tradúcese en que a maioría dos seus alumnos con discapacidade intelectual “dispón dun tablet ou ordenador táctil para o seu uso individual que utilizan para realizar actividades adaptadas, practicar mecanografía ou facer a listaxe da compra”. Este centro está a participar en proxectos de investigación neste ámbito como Picaal, Sígueme ou a Metainvestigación DIM sobre o uso educativo de tablets dixitais (este último co propio Pere Marqués).
Esta xornada puido seguirse en directo a través de streaming na páxina web da UDC.

PUBLICIDADE