Pepephone estrea soporte de eSIM

mércores, 6 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) poden ofrecer en numerosas ocasións prezos moi reducidos, pero normalmente iso supón unha importante perda de prestacións e servizos que estas compañías consideran superfluos, de xeito que optan por prescindir deles para poder conseguir así ofertas económicas moi axustadas. Temos así que até o momento as únicas compañías que facilitaban o uso de tarxetas SIM virtuais en España eran Movistar, Vodafone e Orange, sendo toda unha sorpresa que Pepephone anunciase que tras recibir numerosas consultas a través da redes sociais decidiron dar aos seus usuarios a posibilidade de elixir se queren gozar dunha tarxeta SIM física ou dunha eSIM, ou sexa, que os clientes actuais poden pedir un duplicado da súa tarxeta en formato eSIM sen custo adicional.
Dende Pepephone matizan que o seu novo servizo é compatible con todos os smartphones que dispoñen de tecnoloxía eSIM, pero matizan que non dan soporte a outros dispositivos que comparten unha eSIM co teléfono, como os smartwatches, ou sexa, que a ausencia do servizo de Multi-SIM, que si teñen outros operadores, supón unha limitación para quen queira gozar do mesmo número no teléfono e nun dispositivo wearable.

PUBLICIDADE