PeerTV: unha aplicación para ver e gravar WebTV

martes, 24 de xullo do 2007 Marcus Fernández

A fusión do reprodutor multimedia Mplayer e o sistema de emisión de audio e vídeo mediante tecnoloxía P2P Peercast deu lugar á aplicación informática PeerTV, que permite a recepción de centos de canles de televisión en liña a través da Internet.
Esta plataforma permite así que as empresas que non poidan pagar unha plataforma de streaming pola Internet distribúan o seu sinal mediante unha plataforma P2P que permitirá a súa difusión global de xeito óptimo. O sistema non está pensado para a difusión de canles comerciais, senón para as chamadas WebTV, pero iso non impide que moitos usuarios particulares estean a difundir as primeiras, de xeito que mesmo podemos atopar as emisións da TVG ou da televisión local Estrada Televisión, posto que o sistema é compatible coas emisións en formatos WMV, ASF, MOV, MP4, NSV, OGM, RAM, etc.
Outra das utilidades de PeerTV está na posibilidade de gravar as emisións recibidas mediante streaming, de xeito que logo se poderán consultar de xeito doado.
A oferta de canles de PeerTV pode consultarse por categorías temáticas, por necesidade de largo de banda para a súa visualización e mesmo por idioma, contando unha enorme oferta en español, o que contrasta con moitas plataformas deste tipo que habitualmente só teñen contidos en inglés.

PUBLICIDADE