Pedro Blanco enxalzou o uso da IA no proceso produtivo da Cooperativa Aira

martes, 26 de decembro do 2023 S. P.

O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, desprazouse a semana pasada até o concello lucense de Taboada para comprobar de primeira man o intenso labor de transformación tecnolóxica levado a cabo pola Cooperativa Aira.
Acompañado pola subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez; o alcalde de Taboada, Roi Rigueira; o director da cooperativa, Daniel Ferreiro; o presidente Daniel López, e membros do Consello Reitor, analizaron os avances do proxecto Trac Plus financiado con máis de 156.000 euros polo Ministerio de Transformación Dixital a través da entidade Rede.es.
Pedro Blanco puxo en valor “a aposta de Aira por introducir tecnoloxía de Intelixencia Artificial en todo o proceso produtivo para gañar en modernización e competitividade”. Fixo fincapé tamén na “importancia de ter na provincia de Lugo a maior fábrica de penso para vacún de leite que existe a día de hoxe en España, con máis de 300 traballadores directos e 100 indirectos, e cun volume de facturación de máis de 200 millóns de euros”.
O delegado sinalou que “o Goberno apoia con dotacións económicas importantes o impulso desta cooperativa pola certificación dixital dos procesos desde que os produtos saen das granxas ata que chegan ao consumidor”. Afirmou que “o Goberno é o mellor aliado das empresas en Galicia, dando apoio constante ao sector primario, fundamental no desenvolvemento e dinamización do rural galego”.
Proxecto Trac Plus
O obxectivo principal do proxecto é incorporar Intelixencia Artificial a partir de ferramentas de análise de información a gran escala (Big Data) para o procesamento de grandes lotes de datos e a súa protección no sector lácteo para verificar as transaccións, obtendo unha rastrexabilidade completa do produto.
Na visita á sede, puideron comprobar en primeira persoa a evolución das ferramentas desenvolvidas no marco desta iniciativa, que integra o asesoramento técnico e económico para os gandeiros e clientes. Os produtos transfórmanse na planta láctea de Aira, “dotándoos dunha historia completa e fidedigna e por tanto facéndoos máis competitivos no comprado ao ofrecer a rastrexabilidade completa, que engade un plus de seguridade”, segundo afirman desde a cooperativa. Ao mesmo tempo estas ferramentas ofrecen maior información aos gandeiros para a toma de decisións na granxa e contribúen a facer máis competitivas as gandarías socias da cooperativa Aira.


PUBLICIDADE