Pedaleando por Vilagarcía transfórmase en libro grazas a Phottic

mércores, 10 de agosto do 2016 Redacción

O proxecto Pedaleando por Vilagarcía está a coller pulo na Rede. Trátase, orixinalmente, dunha exposición organizada polo colectivo O Faiado da Memoria para recuperar e visualizar ante o mundo o pasado da cidade, as súas xentes e os seus modos de vida a través do emprego cotián dun aparello que foi concibido, precisamente, para mellorar eses modos de vida: a bicicleta. Segundo fan saber dende O Faiado, a exposición vén de converterse agora en libro da man de Phottic, a plataforma en liña de recuperación do patrimonio fotográfico.
O proxecto, como lembraremos, ten web de seu, a través de ofaiadodamemoria.org. O punto de venda en liña témolo dispoñíbel xa na tenda Phottic. Para quen queira saber máis desta iniciativa dixital, recordar que se presenta hoxe mesmo (10 de agosto) no Mercantil de Vilagarcía.
O libro, como dixemos, é a recompilación da exposición que o devandito colectivo organizou en 2015, na cal se tomaron como punto de partida as bicicletas, as persoas e a paisaxe da vila arousá. O percorrido fotográfico vén acompañado para a ocasión (para este libro que se presente hoxe) de textos creados polos membros de O Faiado da Memoria, un ano despois de que estas imaxes tomaran as rúas de Vilagarcía.

PUBLICIDADE