Pechou en Santiago o programa de creación de industriais culturais e innovadoras con 16 novas firmas

mércores, 25 de novembro do 2015 Redacción

A Cámara de Comercio de Santiago de Compostela e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia clausuraron este xoves o seu programa conxunto para impulsar a posta en marcha de industrias culturais e creativas, amais de axudar ao seu afianzamento no mercado. O programa, que foi de balde e contou co pulo da Fundación INCYDE, impartiuse para un total de 16 alumnas e alumnos na incubadora empresarial de Costa Vella do 13 de outubro ao 13 de novembro. A iniciativa, en palabras dos seus responsábeis, dirixiuse “a vestir “as ideas empresariais relacionadas coas artes, teatro, música, danza, os sectores audiovisual e editorial, e tamén as actividades vinculadas ás novas tecnoloxías e ao deseño”.
Os participantes, segundo se fixo saber no acto de clausura, adquiriron coñecementos para crear unha empresa cultural “cun enfoque creativo e novos modelos eficientes de financiamento e xestión destinados a actualizar os procesos de produción, distribución, exhibición e difusión dos produtos culturais”. Asemade, informouse que o programa comezou a funcionar en 2010 para dar formación (até a data) a 1.055 persoas. Coa iniciativa rematada, ofreceu aos participantes o apoio e asesoramento telefónico de INCYDE para os vindeiros meses para consultar as dificultades que poidan xurdir no proceso de creación da empresa. Ademais, lembrouse que un grupo de consultores fará seguimento dos proxectos impulsados durante os vindeiros seis meses. Tamén se fixo saber que INCYDE abrirá axiña unha canle na súa web para dar visibilidade ás empresas culturais de nova creación con vídeos de promoción de tres minutos.
O programa, dirixido a empresarios e responsábeis de pequenas empresas culturais e creativas, desenvolveu contidos sobre administración da empresa cultural, mercadotecnia e comercialización, prevención de riscos laborais, calidade medioambiental e igualdade de oportunidade, xestión financeira e económica e novas tecnoloxías da información e ferramentas informáticas. O programa, coordinado pola técnica de INCYDE Ana Velasco, contou coa participación de dezaseis proxectos, trece para converter a súa idea nunha empresa de creación cultural e tres para consolidación empresarial.
Entre os emprendedores que participaron no programa atopábase Diego Freire, responsábel da compañía teatral Producións Dispersas, e máis a editora Alicia Romero, impulsora de Enxebre Books, creada en 2012 para publicar libros de ficción, en formato papel e electrónico, de autores noveis. Segundo fixo saber Romero no acto, co obxectivo de mellorar a rendibilidade da empresa acometerá en datas vindeiras a renovación da web de seu, ademais de crear un espazo de libraría e arranxar o problema do custe da distribución “con solucións comerciais propias”.

PUBLICIDADE