Pechan os servidores ucraínos de Demonoid

martes, 7 de agosto do 2012 Marcus Fernández

Demonoid fíxose popular baixo un dominio .com, pero tamén estaba dispoñible a través dun .me para fuxir da posible intervención norteamericana

A páxina web e rastrexador de contidos da rede de intercambio de ficheiros BitTorrent que responde ao nome de Demonoid é un dos máis prestixiosos a nivel mundial, e nos últimos días quedou fóra de servizo por mor dunha operación emprendida pola autoridades ucraínas contra os seus servidores atendendo a unha petición da Interpol. Ao parecer, as autoridades terían contactado co provedor de servizo dos servidores de Demonoid, Colocall, que permitiu o bloqueo do servizo e a copia dos datos dos servidores por parte dos investigadores.
Resulta evidente de esta medida non vai diminuír o intercambio de documentos mediante redes P2P (como non aconteceu coas operacións contra The Pirate Bay e, salvando as distancias, contra Megaupload) pero reforza a imaxe de que a vulneración do copyright pode ter serias consecuencias, xa que actualmente están a emprender accións xudiciais contra os propietarios de Demonoid en México.

PUBLICIDADE