Pechan 4 páxinas web de descargas de videoxogos

martes, 1 de xuño do 2010 Marcus Fernández

As populares páxinas web de descargas de videoxogos EspalWii, EspalNDS, EspalPSP e EspalZone veñen de ser clausuradas pola Policía e cando menos 4 dos seus responsables (sitos en Albacete, La Línea de la Concepción e Segovia) foron detidos en atención a unha denuncia de aDeSe a través da Federación para a Protección da Propiedade Intelectual (FAP) presentada en 2009.
Esta operación xa está a ser denunciada coma un atentado á liberdade de expresión pois ao eliminarse totalmente o acceso aos seus nomes de dominio, non bloquean só o acceso a contidos susceptibles de violar a propiedade intelectual, senón que pecha foros nos que moitos milleiros de usuarios discutían sobre diversos temas.
Tamén resulta rechamante que procederan a un peche cautelar das webs mencionadas cando non existen precedentes de ilegalidade das mesmas, senón todo o contrario, pois o número de sentenzas que determinan que as páxinas de descargas non constitúen delito xa son numerosas, mentres que non hai ningunha sentenza firme na dirección contraria, aínda que este caso pode ser bastante diferente dos mencionados nos últimos meses, posto que os videoxogos non son un produto cultural susceptible de copia privada, de xeito que as copias dos mesmos serían ilegais.

PUBLICIDADE