Pecha a revista PC Actual

xoves, 11 de xullo do 2013 Marcus Fernández

O ano pasado pechou coa triste nova da desaparición das publicacións PC World e MacWorld (xunto con outras revistas de tecnoloxía) en España, e agora despídese outro clásico dos quioscos, a revista PC Actual, tal e como confirma un dos seus colaboradores, Javier Pastor. A revista publicada actualmente por RBA naceu en 1988 como PC Magazine Actual, para mudar a súa cabeceira a PC Actual en 1991, manténdose todo este tempo como un dos referentes do sector, e rexistrando unha difusión media de 33.376 exemplares segundo OJD (a mes de xaneiro) cando un par de anos antes vendía preto de 50.000 exemplares ao mes, o que serve para ilustrar a caída de difusión que están a rexistrar as publicacións impresas nos últimos anos.
Polo momento RBA non publicou información sobre o peche desta histórica publicación, pero entendemos que o cesamento de actividade afectará tamén á edición en liña da revista, pois non conseguiu na Rede unha relevancia parella á que tiña nos quioscos, aínda que non sería sorprendente que reformulasen o proxecto nos vindeiros meses, como fixeron outras publicacións do sector.

PUBLICIDADE