Pecha XuvenCiencia con premios ás mellores achegas de ciencia, tecnoloxías e promoción do galego

venres, 7 de xullo do 2017 Redacción

As gañadoras dos Premios Aresa

Finalmente chegou ao seu remate a quinta edición do Campus de Verán Xuvenciencia, e fíxoo da mellor maneira posíbel: con recoñecementos os estudantes participantes polo seu espírito innovador e, tamén, polo seu compromiso coa lingua galega (reivindicándoa en ámbitos científicos e tecnolóxicos onde por desgraza cede terreo perante o inglés e o castelán). A gala final celebrouse este venres no auditorio da Facultade de Veterinaria do Campus Terra da USC coa entrega de diplomas aos 135 mozos e mozas participantes, así como coa entrega dos premios Aresa Junior e Proxéctate en Galego. Participaron representantes do Campus de Lugo e máis e a coordinadora deste campamento científico, Mercedes Novo. Xuvenciencia, como lembraremos, veu da man da Universidade de Santiago (Campus de Lugo) e contou co apoio de entidades como a Deputación e o Concello de Lugo e máis a Fundación TIC.
Como dixemos, a gala de clausura acolleu a entrega dos premios Aresa Junior, o cal persegue promover o interese dos rapaces/as pola ciencia e a tecnoloxía, así como premiar as habilidades creativas, artísticas e de comunicación; e Proxéctate en Galego, o cal procura promover o uso do galego como lingua de traballo e comunicación e galardoar a capacidade de transmitir información “de forma innovadora, creativa e axeitada desde o punto de vista lingüístico”.
O equipo Análise das proteínas do leite, integrado por Ana Marina González, Guillermo Huelin, Antonio López, Noa Pena e Noemí Romero, foi gardoado co premio Aresa. Pola súa parte, o equipo Análises Clínicas. Que me pasa doutor?’ integrado por Carla Batlle, Elena Brezmes, María Guerra, Beatriz Ordóñez e Rebeca Pena, gañou o premio Proxéctate en galego.

As gañadoras dos Premios Proxéctate en galego

O xurado estivo integrado pola secretaria Académica, de Infraestruturas e Asuntos Económicos da Escola Politécnica, Montserrat Valcárcel Armesto; un representante da Fundación TIC, así como o director xeral de Aresa e o representante de Proxéctate en Galego, os cales analizaron todos os vídeos e contidos dixitais presentados polo alumnado e que versaron sobre os proxectos científico-técnicos nos que participaron durante toda a semana.

PUBLICIDADE