Paulo Coelho, a favor de The Pirate Bay e a cultura de compartir en liña

venres, 17 de abril do 2009 Fernando Sarasketa

O espírito de compartir libremente (que non necesariamente de balde) facendo uso da Rede semella ter fortes raizames entre os nosos irmáns os brasileiros, onde xa non é a primeira vez (nin seguro que a derradeira) que un personaxe vinculado á cultura e ás artes defende un panorama máis ceibo de restricións para todas aquelas persoas que principalmente por razóns económicas non poden facerse con todo o que desexarían en materia de música, cinema ou literatura. Desta volta temos que falar do escritor Paulo Coelho, autor de obras tan vendidas en todo o mundo como O alquimista e que segundo informa TorrentFreak vén de situarse a favor do trasfego fluído de coñecemento pola vía da Internet (incluíndo ferramentas que, como The Pirate Bay, axudan a facelo). Ao seu xuízo, sinala a dita web sobre o intercambio de arquivos, o feito de compartir non é só inherente á natureza humana, senón que tamén é inevitable, de aí que sexa preciso defender a práctica en liña sen arela de lucro por parte da comunidade internauta.
Coelho, que como outros compatriotas seus (o caso de Gilberto Gil é un dos de máis sona) é un firme defensor do proceso de compartir sen beneficio económico, cre que o feito de que unha canción vaia de un ordenador a outro non significa sempre un prexuízo para o artista senón que en ocasións constitúe o contrario, xa que axuda en boa medida á súa promoción: son como as súas tarxetas de presentación.
Ao seu xuízo, quen pon balados nun panorama con potenciais tan amplos como a Sociedade da Información actual está a actuar de xeito egoísta. “Realmente creo que cando un lector ten a opción de ler algúns capítulos dunha obra, el ou ela sempre pode decidir mercar o libro máis tarde”, engadiu. Estas conviccións non son novas: de feito, Coelho xa ten amosado estar a favor dun concepto de cultura máis libre ao ter posto nas redes P2P algúns dos seus libros máis coñecidos. Por certo que na entrevista a TorrenFreak que recolle estes días Europa Press, o escritor brasileiro tamén ten algo que ver sobre un dos temas que máis se comenta arestora: a condena dun ano de presión aos responsables de The Pirate Bay por favorecer o trasfego pirata de arquivos: “Apoio directamente o seu sitio”, comentou, “e mesmo me teño ofrecido para viaxar a Suecia e emprestar testemuña… podería ter sido de gran axuda”, comentou.

PUBLICIDADE