Paul Otellini anuncia a súa retirada da dirección de Intel

luns, 19 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Intel anunciou hoxe que o seu presidente e director xeral, Paul Otellini, decidiu retirarse dos seus cargos, polo que principia un cese paulatino das súas actividades durante os vindeiro 6 meses de xeito que na xuntanza anual de accionistas da compañía que terá lugar en maio de 2013 poderá dicir adeus a unha actividade na que leva preto de 40 anos.
Otellini considera que “tras preto de 4 décadas na compañía e 8 anos como director xeral é hora de apartarse e pasar o temón de Intel a unha nova xeración de liderado”, engadindo que colaborará no período de transición a unha nova dirección á vez que continuará a estar dispoñible como asesor unha vez que deixe o seu cargo de director xeral.
Agora o cadro directivo da compañía pode iniciar un proceso para elixir ao sucesor de Otellini, para o que terán en consideración tanto a candidatos internos coma externos.
Nestes anos de traballo de Otellini podemos considerar que o rumbo de Intel foi bastante atinado, pois conseguiu dominar de xeito rotundo o mercado dos ordenadores persoais, deixando practicamente fóra de xogo ao seu principal competidor (AMD) aínda que agora atópase ante o reto de responder aos deseños ARM que están a imporse nos dispositivos móbiles, e con compañías moito máis novas como Qualcomm converténdose en grandes rivais.

PUBLICIDADE