Patricia Argerey visitou a sede coruñesa de Hack A Boss

mércores, 20 de marzo do 2024 S. P.

A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, visitou na mañá deste mércores 20 de marzo a sede da empresa coruñesa Hack A Boss, referente na formación avanzada de carácter intensivo e centrada na programación web e a ciencia de datos, así como nos cursos de verán de programación.
Creada hai cinco anos, pasou de 5 a 80 traballadores, contribuíu á inserción laboral de case mil persoas e está valorada como unha das mellores empresas tecnolóxicas para traballar. A directora de GAIN aproveitou a súa estadía en Hack A Boss para “destacar a importancia da formación de talento científico-tecnolóxico en Galicia con vistas a dispor de persoas capaces de responder ás prioridades do novo modelo económico como a transición verde e dixital”.
Argerey apuntou que Galicia está “sendo capaz de atraer e reter talento no ámbito da I+D+i, a través de distintos programas, algúns específicos como Principia, Investigo, Oportunius, Talento Senior, Ignicia, doutoramento industrial ou os contratos predoc e posdoc cos que se ten apoiado (no período 2014-2021) máis de 11.000 empregos para persoal investigador e tecnolóxico e dedicado á innovación”. Ademais, salientou que o Goberno autonómico vén de pechar a convocatoria do programa Investigo pero está prevista a convocatoria de Doutoramentos Industriais para o segundo trimestre.
Tamén debullou os detalles do programa Oportunius, deseñado para a incorporación de talento excelente vencellado á obtención, con carácter previo dunha axuda do European Research Council. Segundo dixo, actualmente son 17 as persoas contratadas a través deste programa Oportunius e está pendente a incorporación dun profesional máis. Así mesmo, lembrou que está prevista a convocatoria de 3 novas prazas nos vindeiros meses. En total, agárdase contar con 21 investigadores e investigadoras Oportunius contratados/as no primeiro semestre do 2024.
Hack A Boss foi beneficiaria no ano 2019 dunha axuda do programa Talento Sénior, por importe de 64.000 euros, para a contratación dun profesional de alta cualificación encargado de realizar tarefas de I+D+i por un período de tres anos. En concreto, o perfil da persoa que se incorporou á empresa foi a dun experto responsábel de incubar e acelerar ideas de negocio dixitais, de deseñar e lanzar ao mercado produtos dixitais de alto valor e impartir obradoiros formativos sobre desenvolvemento de produto dixital.

PUBLICIDADE