Patricia Argerey visita a sede de Osigris e loa o seu empuxe innovador

xoves, 25 de agosto do 2022 S. P.

A empresa coruñesa Osigris, nova firma innovadora centrada en ferramentas dixitais para xestión de explotacións agrícolas e gandeiras, recibiu este xoves 25 de agosto a visita da directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, quen salientou o labor desta compañía e cualificouna como “un exemplo de como as novas tecnoloxías poden transformar os sectores tradicionais da economía galega, en liña cun dos tres grandes retos da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia”.
Osigris, lembrou, é unha das 13 empresas apoiadas pola Vicepresidencia Primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación na primeira convocatoria para impulsar as iniciativas excelentes que non obtiveron financiamento no programa estatal Neotec. Co apoio da Administración autonómica a compañía coruñesa, que participou na aceleradora do sector alimentario Business Factory Food, está a poñer en marcha novas funcionalidades que permitirán aos agricultores “cumprimentar o seu caderno de campo e optimizar o rendemento dos seus cultivos, así como previr pragas”, destacou Argerey.
Nova convocatoria
Argerey dixo que ao abeiro dos incentivos ao emprendemento innovador impulsados pola Xunta, está previsto que a vindeira semana se publique no Diario Oficial de Galicia unha nova convocatoria dotada con preto de 6 millóns de euros. En concreto, financiarase a posta en marcha de ao redor de 20 novos proxectos empresariais cun alto compoñente investigador e tecnolóxico, sinalou, engadindo que esta convocatoria abrirase aos 15 proxectos excelentes galegos presentados á ultima convocatoria estatal do programa Neotec e que, sendo ben valorados, non obtiveron financiamento por falta de crédito.
Como novidade, este ano tamén poderán concorrer a esta liña de axudas, cuxo prazo de presentación de solicitudes estará aberto durante un mes, as mellores start-ups do resto de España (e que tamén teñan superado os limiares establecidos na convocatoria de Neotec 2021) que trasladen a súa sede social, fiscal e de traballo a Galicia. “Impúlsase así a atracción de talento cara a Comunidade, que ofrece un completo ecosistema de incentivos e de socios estratéxicos para impulsar o emprendemento innovador”, engadiu a directora da axencia autonómica.

PUBLICIDADE