PassCOVID informa das novas medidas autonómicas para conter a pandemia

venres, 6 de novembro do 2020 S. P.

A aplicación móbil PassCOVID, impulsada polo Goberno galego para achegar comunicación telemática á cidadanía de utilidade fronte a xestión da pandemia, engadiu estes días información sobre as novas medidas postas en marcha pola Xunta para conter a pandemia. A ferramenta fai chegar aos dispositivos da cidadanía avisos, recomendacións e alertas sobre estas novas disposicións.
As persoas que descarguen PassCOVID poden optar por facelo como usuarios identificados, empregando o sistema de claves concertadas Chave 365, ou ben levalo a cabo de xeito anónimo. Asi, calquera usuario ten acceso a información sobre a situación da pandemia en toda Galicia, e pode seleccionar o concello do seu interese para estar ao tanto das medidas que a Xunta está a adoptar.
PassCOVID reforzou deste xeito o seu obxectivo de “dar información próxima e de interese á cidadanía galega sobre a situación actual da crise sanitaria na nosa Comunidade, e na liña de garantir información próxima, de fontes oficiais, contrastada e de interese”, explicou o Goberno galego, engadindo que a ferramenta ten utilidade para a implementación dos diferentes protocolos de seguimento definidos tanto pola autoridade sanitaria galega como outros departamentos da Xunta con competencias na xestión da crise, tanto sanitaria como social.

Imaxes da versión para Android de PassCOVID

PUBLICIDADE