Parkapp, entre os 12 finalistas da cuarta edición de Pasion>ie

mércores, 6 de maio do 2015 Redacción

Os responsábeis de Parkapp, aplicación galega encamiñada a facilitar aos condutores a localización do aparcamento máis próximo (ademais de abranguer opcións de utilidade na apertura de garaxes), están este mércores en Madrid para participar na cuarta edición de Pasion>ie, programa de apoio para o desenvolvemento de proxectos, facendo fincapé naqueles con capacidade para resolver aspectos concretos da nosa contorna. Parkapp atópase dentro dos 12 finalistas seleccionados (representando a Galicia) entre as 100 iniciativas participantes enmarcadas nas modalidades Cidade do Futuro, Sanidade do futuro e Distribución comercial do futuro.
Os encargados de xestionar Pasion>ie son Accenture e IE Business School. O obxectivo do programa, como dixemos, é estreitar as ligazóns entre a comunidade innovadora e o sector empresarial para que poidan traballar conxuntamente en apoiar proxectos con gran proxección de futuro. Despois das fases previas, e entre un total de 100 proxectos, a iniciativa galega fíxose un oco entre os finalistas seleccionados. A organización estrutura o programa en 3 alicerces ou categorías e haberá un gañador por cada unha: Cidade do futuro (na cal se enmarca o proxecto galego, ademais de Metrikea, Silstore e Worktoday), Sanidade do futuro (onde se sitúan os proxectos de Insulclock, Medroom, Brazalete Intelixente e Aura Innovative Robotics) e Distribución comercial de futuro que (conta coa participación de Ticketapp, Acuerdalo.com, Koiki transporte intelixente e Ketekelo).

PUBLICIDADE