Para o 2016, o 36% dos contidos dixitais almacenarase na nube

luns, 25 de xuño do 2012 Raquel Noya

O cloud computing é unha tecnoloxía que está a gañar adeptos en tódolos sectores case sen excepcións. Na actualidade son moitas firmas que aposta xa por almacenar os seus contidos na nube, aforrando así espazo, tempo, custes e mesmo problemas, ao resultar máis seguro que os soportes de almacenamento físicos.
A conto disto, a consultora Gartner vén de facer públicos os datos extraídos dun estudo sobre a chamada “era post-PC” na que din que “os consumidores empezarán a almacenar na nube a terceira parte dos seus contidos” debido ao seu desexo de compartir contidos e acceder a eles dende múltiples dispositivos.
Isto será no ano 2016, no que, segundo engaden, “o 36% dos contidos dixitais estará almacenado na nube”, unha cifra que en 2011 foi tan só do 7%, e que vai en aumento cada día.
Dende Garner explican que a cantidade de contidos que xeran os usuarios na era post-PC “está a medrar de xeito masivo, debido en gran medida á proliferación de dispositivos portátiles dotados de cámaras”, engaden.
Xa que logo, a consultora prevé que co xurdimento da nube persoal, é dicir, o almacenamento en liña para consumidores privados, “o contidos comezará a disgregarse dos dispositivos”, sendo as redes sociais as que máis contidos deste tipo alberguen.
O persoal responsable do estudo tamén augurou que a capacidade de almacenamento que precisará cada familia “pasará dos 464 xigabytes rexistrados no 2011 a 3,3 terabytes (3.300 xigabytes) en 2016”. Por outra banda, engaden, “o almacenamento total dos contidos dixitais medrará dos 329 exabytes a 4,1 zettabytes (uns 4.100 exabytes en 2016).

PUBLICIDADE