Panasonic reducirá á metade o persoal da súa sede central de Xapón

martes, 29 de maio do 2012 Raquel Noya

Se a pasada semana era Research in Motion (RIM), a empresa da marca BlackBerry, a que anunciaba a súa intención de despedir a lo menos 2.000 empregados en todo o mundo, agora é outra grande da electrónica de consumo, Panasonic, a que estuda a posibilidade de reducir á metade o persoal das súas sedes en Xapón, que na actualidade se cifra nuns 7.000 empregados.
Segundo informa o xornal de negocios xaponés Nikkei na súa versión de pago, o grupo de electrónica planea desfacerse de entre 3.000 e 4.000 traballadores “mediante xubilacións anticipadas e transferencias ás subsidiarias”, ao longo do presente exercicio fiscal, que en Xapón conclúe en marzo de 2013.
A compañía, que presentou este ano unhas perdas netas de máis de 772.100 millóns de iens (7.593 millóns de euros), xa se vira na obriga de realizar “un proceso de reestruturación” nos pasados dous anos, que lle afectou aos seus segmentos de televisións e cámaras, reducindo drasticamente os traballadores deste sector en todo o mundo.
Agora Panasonic, que conta cun total de 100.000 empregados en todo Xapón, ten como obxectivo acadar unha ganancia neta do grupo de 50.000 millóns de iens (491,7 millóns de euros) no presente exercicio, a través, segundo din, de reformas estruturais e outras medidas, entre as que se inclúe a devandita redución de persoal.
Segundo informa Reuters/EP, as conversacións cos traballadores iniciaríanse en xullo, de maneira que “a empresa podería comezar a ofrecer xubilacións anticipadas xa a partir do outono”.

PUBLICIDADE