Paideia e os festivais galegos impulsan a creación dunha plataforma de concursos de maquetas

xoves, 16 de febreiro do 2017 Redacción

A Fundación Paideia, a través de Estudios Mans, vén de lanzar sonidosmans.com, unha plataforma web destinada a impulsar e celebrar concursos de maquetas para, en última instancia, dar a coñecer novos artistas perante público e axentes contratadores. A web, de alcance español e portugués, levouse a cabo en colaboración con importantes festivais de ámbito galego, como son Portamerica, SonRías Baixas, SinSal Son Estrella Galicia, Revenidas, Atlantic Fest e O Marisquiño. Os grupos e artistas interesados en participar nas roldas de votacións en liña deben presentar os seus traballos a través da web, desde o 15 de febreiro até o 28 de abril de 2017.
Segundo informa Paideia, cada participante terá que seleccionar o concurso de maquetas do festival no que estean interesados en participar, tendo en conta os estilos musicais definidos para cada un deles. Poderán participar artistas con residencia tanto en España como en Portugal, que presenten temas inéditos en letra e música e que non editen ou distribúan con anterioridade ningún traballo.
O sistema de votación para cada un dos concursos consta dunha primeira fase que se realizará a través dun sistema de votación popular. O dez seleccionados nesta primeira etapa, pasarán a unha segunda fase na que un xurado profesional elixirá os gañadores (dous por cada concurso de maquetas), que poderán formar parte do cartel do festival no que resulten seleccionados, ademais de ter a oportunidade de gravar un EP en Estudios Mans.
Esta plataforma, dirixida a grupos e artistas noveis, enmárcase dentro do eixo de emprendemento cultural de Fundación Paideia, que ten como finalidade “a promoción da creatividade artística e a posta en valor do talento de mozos emprendedores do sector musical”.

PUBLICIDADE