Padrón reivindícase como destino seguro e de proximidade coa súa nova web

martes, 4 de agosto do 2020 S. P.

O Concello de Padrón vai poñer en marcha esta semana unha campaña para “promover o turismo de proximidade” e mostrarse ante visitantes e residentes como “destino seguro e libre de COVID-19”. A iniciativa inclúe a estrea dunha páxina web, www.padronturismo.gal, e dunha nova marca turística: a marca Padrón Turismo. Os dous recursos diríxense a promover a longa listaxe de atractivos culturais, turísticos, paisaxísticos, literarios, medio-ambientais, gastronómicos e comerciais do municipio, amais de poñer o foco na súa forte tradición xacobea.
Trátase dunha proposta incluída no Plan de Reactivación do Turismo e do Comercio elaborado pola Concellería de Turismo de Padrón para os anos 2020 e 2021.
A concelleira de Turismo, Lorena Couso, explicou que se trata de reivindicar Padrón como un destino de proximidade e estábel. A edil engadiu que a iniciativa foi desenvolvida polo Concello de Padrón con fondos propios e cun investimento de máis de 10.000 euros.
Respecto da páxina web devandita, servirá para dar soporte á nova marca e para exercer de punto de contacto principal de Padrón co mundo. O sitio dixital contén ligazóns aos cinco bloques englobados en Padrón Turismo, así como unha xanela á aplicación móbil da Pedronía. A maiores, a páxina abranguerá tamén un apartado denominado Experiencias, no que expertos do sector recompilarán e porán en valor distintas actividades que se poden realizar na vila co obxectivo de que o turista poida vivilas en primeira persoa.
Ademais da información de eventos, comercio, gastronomía, turismo, natureza... o novo sitio acubillará un mercado en liña, unha plataforma na que os distintos comercios de Padrón poderán anunciar os seus produtos e ofrecer aos turistas un amplo abano de produtos, propostas e servizos. “Poremos a disposición do noso comercio un formulario en liña no que poderán engadir fotos e información, que nós validaremos para a súa publicación na nova páxina web”, explicou Lorena Couso.

PUBLICIDADE