Pablo Pérez, novo director xeral da galega Satdata

martes, 11 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

A empresa galega Satdata, da que temos falado entre outras cousas para dar conta do seu innovador sistema DRM para a xestión de recursos móbiles, vén de recibir un pulo ao seu proceso de medre e busca de novos eidos de actividade co nomeamento de Pablo Pérez como novo director (CEO). Para a firma coruñesa, especializada sobre todo en desenvolvemento de solucións de control de flotas, a incorporación de Pablo Pérez constitúe unha aposta clave polo fortalecemento da I+D no seu seo e a prol dun impulso á vertente de traballo centrada nos dispositivos móbiles.
Lembrar que o novo CEO da compañía é un vello compañeiro de Satdata, onde desenvolveu labores de director de Distribución e Grandes Contas, a engadir a súa estadía en Martinsa-Fadesa, onde tivo a oportunidade de dirixir, durante catro anos, a delegación en Rumanía.
En Satdata, agora como máximo responsábel, substitúe a José Luis Madrid, quen vén de deixar a empresa galega para dar comezo a un novo proxecto empresarial persoal.
Pablo Pérez, de 38 anos, é enxeñeiro industrial na especialidade de Organización de Empresas pola Universidade de Vigo e executive MBA pola MSM de Maastrich. É experto en xestión comercial e máis na dirección de proxectos e de estratexias innovadoras de negocio. “A incorporación de Pérez”, informa a empresa galega, “coincide co inicio dunha nova estratexia comercial que a firma con sede na Coruña puxo en marcha, a comercialización dunha gama de produtos paquetizados con solucións Plug & Play”. O novo CEO, ademais de asumir a Dirección Xeral, liderará a estratexia de procura de novos mercados da empresa e máis “os ambiciosos obxectivos que asumiu xunto co seu equipo de consultores especializados”.

PUBLICIDADE