PRISA adquire a publicación dixital de videoxogos MeriStation

luns, 24 de xaneiro do 2011 Marcus Fernández

En 1997 fundouse a revista en liña de videoxogos MeriStation, que conseguiu converterse en todo un referente do sector en España, estando considerado o seu foro coma o segundo en número de usuarios en idioma español (só por detrás de Forocoches.com), pero en xaneiro de 2002 tivo que recorrer ao apoio de Prisacom para manter o negocio activo en plena crise das puntocom, acordo a través do que o Grupo PRISA acadaba unha opción de compra que decidiu executar a primeiros de 2007, ante a oposición dos fundadores do MeriStation Magazine, que consideraban xustificadamente que o prezo negociado en 2002 estaba moi lonxe do valor actual da compañía, polo que principiaron un conflito xudicial que vén de resolverse, de xeito que PRISA é agora a propietaria de Meristation, tendo que pagar pola prestixiosa web só 600.000 euros.
O fundador de MeriStation, Pep Sánchez, asegura que pese a estar desconforme coa resolución xudicial, vai acatala, de xeito que principia agora unha nova etapa da publicación dixital, na que continuará a traballar o equipo actual, aínda que incorporando a novos profesionais.
O proceso de integración de Meristation en Prisa Digital (antes Prisacom) está a ser amigable, permitindo desconxelar a situación da páxina web (que nestes 3 últimos anos estaba restrinxida ante a incerteza do seu futuro) de xeito que en breve mudarán o seu deseño, mellorarán os servidores do seu foro e incorporarán novidades paulatinamente, no que promete ser un cambio pouco traumático, en boa medida porque o equipo histórico decidiu manterse no proxecto pese as cambios no capital social da empresa.

PUBLICIDADE