PCWorld recompila as achegas positivas e negativas do porno á era dixital

luns, 22 de decembro do 2008 Fernando Sarasketa

Captura dunha busca moi común vista no caderno de Alex Segre en Flickr.Ao porno, salvando as distancias, estalle pasando un pouco coma á música coa chegada de Internet: a terra firme na que se apoiaba estase vindo abaixo. Isto, igual ca no caso das canles tradicionais de distribución discográfica, obriga máis que nunca a moverse cara a adiante. Neste senso, dáse a casualidade de que o groso dos destinatarios de unha cousa e da outra xa apenas toleran unha vía de distribución e comunicación que sexa distinta á da vía dixital. Porén, na medida que o consumo da pornografía muda en base a Rede, é lóxico pensar que esta tamén evoluciona grazas ao porno, e diso, das variacións dadas arredor do consumo de sexo en liña é do que trata precisamente un estudo presentado estes días pola revista PcWorld no que se avalían polo miúdo a dúas facianas da moeda: o bo e o malo que os internautas lle deben á pornografía en liña. O estudo, que se sitúa un pouco na vaga de investigacións de reconto e/ou prognosticación que se reforza con cada fin de ano e comezo do seguinte, semella que apunta ben alto: chega a sinalar incluso que se Internet é hoxe o que é, é en boa medida grazas á porno.
Polo que respecta ao positivo achegado pola industria do sexo en liña, a revista salienta a achega dos sistema de pago en rede, que foron habilitados e logo mellorados para o pago de servizos con tarxeta de crédito en webs que non ofrecían as mellores condicións de fiabilidade. Asemade, e sen saírmonos do bo, o porno tamén contribuíu ao perfeccionamento do vídeo en streaming, tecnoloxía que entre outras cousas libéranos da necesidade de descargar un ficheiro no disco duro do computador para poder velo e escoitalo. Asemade, outro dos recursos que acadou especial pulo grazas á industria do sexo dixital foi precisamente a videoconferencia, que foi obxecto de esforzos de mellora por parte dos principais interesados: por unha banda as propias empresas de sexo e contactos na Rede e pola outra os seus clientes. Por outra banda, cómpre lembrar que o porno tamén axudou (por interese propio de uns e outros) en boa media á optimización do tráfico na Internet. Polo que respecta ao negativo e, como era de agardar, atopamos elementos como a publicidade enganosa (moi empregada neste eido), os materiais en liña obsoletos (webs que non serven máis que para enredar ao internauta, que é redirixido de unha a outra sen saber moi ben cara a onde), o correo lixo (presente en todas as caixas de correo electrónico, se teña buscado previamente porno ou non), etc.

PUBLICIDADE