P3P: novo paso a prol dun intercambio de música libre… e rendible

luns, 23 de marzo do 2009 Fernando Sarasketa

Para unha boa parte da industria, as redes P2P son o espazo de mercado que se lles escapa ao seu pesar. Así, tendo en conta que se é industria é pola arela de beneficios, poderíamos dicir que a listaxe de tentativas de facerse co control destas xanelas abertas (e para elas improdutivas) que os internautas usan para compartir arquivos de xeito libre non foron nin deberon ser poucas. Algunhas destas accións amosaron mesmo antes de ser levadas a cabo a súa inviabilidade, pero outras, como a que está a poñer en xogo a Distributed Computing Industry Association (entidade que reúne a creadores de clientes P2P e provedores de Internet) teñen outro talante máis conciliador coa comunidade de usuarios destas redes abertas. A fin de contas, probablemente non haxa outra vía, agora que medio mundo probou o beneficio de compartir cancións e películas pola Rede sen pagar un can. Por dicilo dalgún xeito, a proposta de DCIA adopta un vieiro intermedio: non renuncia ao beneficio pero tampouco quere pecharlles aos internautas estes vantaxosos recursos.
De feito, para a asociación é inevitable aceptar que as P2P (eMule, Bittorrent, Soulseek e demais) están aquí para ficar. Tendo en conta isto, pregúntase a entidade, non se podería tirar proveito delas como nova canle de distribución agora que as tradicionais están en desuso? O obxectivo: establecer unha taxa por cada conexión de banda larga.
A idea é encamiñarse cara á posta en marcha dun modelo de negocio asumible para o común dos internautas (e que lles permita seguir gozando destas canles) coma o levado á práctica na Illa de Man, do que, por certo, xa temos falado nesta mesma web. Cómpre lembrar que este modelo supón a legalización a todos os efectos das redes P2P sempre e cando se pague un imposto sobre as conexións para compensar á industria e aos autores, pago que neste caso concreto é de unha libra o mes.
Con todo, a arela da DCIA apóiase nesta mesma base para ir alén dela: inclúe a posta en marcha dun grupo de traballo, o P3P Working Group, que estará ao servizo do goberno da devandita Illa e que terá o cometido de establecer as mellores prácticas para regular e rendibilizar a distribución en liña de música a través destas canles en liña. O P3P, que non é un novo servizo P2P, constitúe logo un feixe de pasos a seguir para tirar proveito económico do intercambio de arquivos. Estas son segundo se conta en bandancha.eu algunhas das súas funcións:
· Subministrar aos ISP a facultade de autorizar aos seus aboados a descargar e compartir a música en Internet empregando calquera medio de distribución en liña, incluído P2P ou descargas directas.
· Achegarlles aos propietarios dos dereitos de autor a opción de tirar rendibilidade do uso dos seus contidos.

PUBLICIDADE