Ourense dá a coñecer a súa vindeira factoría de coñecemento dixital

martes, 10 de febreiro do 2009 Fernando Sarasketa

A cidade de Ourense vén de afianzar os alicerces do seu futuro dixital a través dun proxecto que aposta directamente polo elemento anticrise por excelencia: a información. A iniciativa, que foi presentada oficialmente este luns 9 de febreiro, leva no seu nome unha ligazón semántica de conceptos que fala por si soa: datos, desenvolvemento local e porvir. Falamos do Centro de Coñecemento 2012, un escenario para a promoción de novas tecnoloxías dixitais xa existentes e, tamén, para o deseño de outras novas que sexan de utilidade para a sociedade ourensá e para todas e todos os usuarios en xeral. Máis en detalle, o novo Centro (que se vai poñer en marcha na contorna do edificio hoxe en ruínas da Molinera) concíbese como una fonte de subministro de ferramentas do coñecemento, formación e apoio ao servizo dos cidadáns e das empresas. O proxecto, inserido no Plan Avanza do Ministerio de Industria, conta con 2,9 millóns do orzamento por parte do Goberno central e o respaldo da Consellería de Innovación (a través da Dirección Xeral de Promoción Industrial e da Sociedade da Información e da Dirección Xeral de I+D), a Universidade de Vigo, o Parque Tecnolóxico de Galiza (Tecnópole) e o propio Concello de Ourense, a través da Tenencia de Alcaldía.
En boa medida, o futuro espazo dixital da cidade das Burgas, malia constituír un espazo innovador, non sairá da nada. Ás súas costas ten xa a relativamente longa experiencia das aulas de acceso e asesoramento da Rede de Dinamización e da Rede de Telecentos postas en marcha no noso rural, nas que se apoiará para dar forma ao seu modelo adaptándoo ás circunstancias dunha cidade en constante medre como Ourense. Asemade, a idea é actuar especialmente (fomentando o uso e a creación de novas ferramentas e canles) naqueles sectores económicos e sociais nos que a cidade galega é en boa medida destacable: innovación (Tecnópole), turismo, comercio, cultura, comunicación, etc. Máis en detalle, o Centro de Coñecemento 2012 contará cos seguintes espazos de traballo:
· Un Living Lab ou laboratorio cidadán, que posibilitará levar a práctica e transmitir ao conxunto da sociedade os produtos e servizo desenvolvidos no Centro, mellorándoos e recadando novas informacións dos usuarios potenciais.
· Área de coworking dirixida ao sector empresarial, que permitirá pór en relación a emprendedores, profesionais e empresas de cara á posta en marcha de futuros proxectos de colaboración. Segundo informan os responsables da iniciativa, “trátase dun espazo para a posta en común de experiencias e ideas no eido das TIC co obxectivo último de incorporar estas ao sector empresarial, xerando novos conceptos de negocio”. Por certo que este espazo de traballo en concreto contará especialmente co respaldo e a implicación do Concello de Ourense.
· Área de I+D+I, que abranguerá a construción de recursos e servizos en liña de utilidade para as comunidades de innovación empresarial e incorpore o asesoramento de expertos en tecnoloxía e negocio.
O Centro de Coñecemento 2012 xorde polo tanto como algo máis que espazo de acceso á Internet e ás novas tecnoloxías: xorde como un escenario para a posta en marcha de novos proxectos tecnolóxicos e, tamén, ao servizo da reactivación social e produtiva. De feito, a aposta do Concello por este proxecto non é casual: Ourense non destaca precisamente polo nivel de afianzamento das redes entre a cidadanía e as empresas (está por debaixo da media estatal, con só o 5,5% dos fogares conectados á Internet e unha taxa de penetración dixital nas empresas especialmente baixa, feito que está a repercutir no seu medre e na súa competitividade). Asemade, arela de desenvolvemento e recuperación esténdese ao propio emprazamento físico do Centro de Coñecemento: sitúase no entorno da Molinera, hoxe en día un espazo da cidade especialmente empobrecido.
Arestora o proxecto atópase aínda nunha fase inicial: comezou o proceso de expropiacións preciso para os labores de construción, así como a modificación de usos, enviada e pendente da aprobación da Xunta de Galicia. O obxectivo é que as instalacións estean en pleno funcionamento en 2012, estando previsto telas rematadas xa en 2010.
A nova sobre a presentación do proxecto aparece estes días referenciada en Laregion.es ou en Lavoz.es.

PUBLICIDADE