Ourense acolleu unhas xornadas sobre as posibilidades de información histórica dos novos soportes

venres, 26 de abril do 2013 Redacción

O Campus de Ourense acolleu esta semana uns encontros dirixidos a afondar nos entrecruzamentos entre realidade e ficción que se dan ao abeiro dos novos soportes tecnolóxicos. As xornadas Cando Mario coñeceu a Clío. Outra perspectiva da Historia xuntaron a ducias de investigadores para afondar, entre outras cousas, na utilidade formativa e informativa do cinema, os videoxogos e outros formatos e canles de expresión. A súa idea foi amosar como o coñecemento histórico non só se aprende nos libros, senón tamén en cómics, sagas literarias ou produtos de lecer para consolas ou teléfonos de última xeración.
Segundo fixo saber Beatriz Comendador, decana da Facultade de Historia do campus de Ourense (Universidade de Vigo), “a relación da historia con estes novos soportes é crucial e hoxe en día non é posíbel pensar na divulgación de coñecementos senón é a través do formato audiovisual; a cuestión é saber como empregar estes medios”. Ao seu xuízo, darlles as costas non é unha boa alternativa se o que queremos é ter contacto directo coa nosa pegada no mundo. “Se non lles prestamos atención, outros o farán”, engadiu. As xornadas viñeron da man da Delegación de Alumnos de Historia e ALEHOU, coa colaboración do devandito centro. En nome de ALEHOU acudiu entre outras/os a investigadora Diana Martínez, quen sinalou que “a industria do lecer é a que máis nos chega, a que atrae e move a grandes sectores da sociedade”. Na súa opinión, existe a crenza de que a historia vén dada nos libros pero agora vén sobre todo a través destes novos formatos e non podemos ficar á marxe. Para David Morenza, estudante da facultade que deu acubillo ao evento, a historia está nos lugares que menos sospeitamos. Morenza, por certo, foi o encargado de facer unha aproximación a como se reflicte a Idade Media a través de videoxogos como Assasin`s Creed e Age of Empires II. Pola súa parte, o investigador da Universidade Complutense de Madrid Alberto González, afondou no emprego de elementos históricos por parte do director George Lucas na saga A Guerra das Galaxias.

PUBLICIDADE