Ourense acollerá probas de drons na procura de afloramentos fermais

xoves, 19 de marzo do 2015 Redacción

A Deputación de Ourense anunciou este mes de marzo que vai facer traballo de campo con novos vehículos aéreos non tripulados, tamén coñecidos como drons, co obxectivo de localizar afloramentos termais. A nova foi dada a coñecer polo presidente do organismo provincial, Manuel Baltar, quen participou (precisamente) nunhas probas efectuadas na contorna das termas de Outariz, na propia capital da provincia. Nas demostracións empregáronse vehículos aéreos con cámaras e sensores térmicos de diferentes rangos espectrais. Segundo informou a Deputación, estas semanas darase a coñecer un curso de capacitación para o pilotaxe destes aparellos.
Para o organismo provincial, a aplicación de drons para deteccións termais amosa un potencial de traballo específico e de grandes posibilidades para o territorio ourensán, tanto para as administracións con competencias en termalismo como para os propios balnearios locais, "pois permítelles indagar e descubrir novos mananciais e tamén realizar un seguimento en tempo real da temperatura das súas augas". E engádese, salientando as vantaxes deste tipo de tecnoloxías aplicadas á procura de afloramentos: “O emprego de drons no ámbito termal ofrece fiabilidade na detección máis a vantaxe dun baixo custe con respecto da fotografía por satélite que se empregaba até o de agora”. A Deputación tamén valorou moi positivamente o feito de que os aparellos non tripulados acheguen meirande flexibilidade de cara a fixar criterios de procura máis específicos.

PUBLICIDADE