Os xulgados composteláns melloran a súa dotación para videoconferencias

venres, 30 de decembro do 2016 Redacción

Os xulgados de Santiago dispoñen dun novo equipo de videoconferencias desde este mes, dentro do proceso de reforzo e ampliación deste sistema previsto pola AMTEGA no marco do Plan Senda 2020, que busca conseguir unha xustiza máis próxima, transparente e eficiente a través da xestión electrónica e segura.
Xunto cos xulgados de Santiago, que rexistraron preto de 500 videoconferencias neste ano, tamén contan con novos terminais de videoconferencia os xulgados da Coruña, Betanzos e Vigo. Estas catro sedes xudiciais concentran preto da metade das videoconferencias rexistradas en 2016. Ademais, o partido xudicial de Caldas de Reis incorporouse ao sistema de videoconferencias coa dotación dun terminal.
Este proceso continuará de xeito progresivo ao longo do 2017 cun dobre obxectivo: estender o sistema de videoconferencias a todos os partidos xudiciais e reforzar o equipamento na práctica totalidade das sedes xudiciais que xa dispoñen do servizo. A ampliación e reforzo do sistema de videoconferencias irá acompañado de sesións técnicas de formación sobre o seu uso e manexo.
Actualmente, o sistema de videoconferencias conta con 64 equipos (44 móbiles e 20 fixos), que neste ano rexistraron máis de 5.200 comunicacións. A creación deste sistema foi un dos obxectivos do primeiro Plan Senda, e iniciouse en 2011, momento no que os xulgados galegos contaban só con 21 equipos, que non estaban integrados en rede nin monitorizados.
O sistema de videoconferencia supón importantes vantaxes ao reducir tempos e custos en desprazamentos e o seu uso incrementouse progresivamente desde a súa posta en marcha.

PUBLICIDADE