Os xornais electrónicos de News Corporation poderían adoptar un modelo de micropagamentos no outono

luns, 11 de maio do 2009 Marcus Fernández

O magnate dos medios de comunicación Rupert Murdoch declarou que as edicións dixitais de News Corporation (coma The Times, The Sun, The New York Post ou The Daily Telegraph) poderían seguir os pasos do The Wall Street Journal e optar por unha fórmula de publicación mixta na Internet, con contidos de balde e de pago, ante a caída dun 47% dos beneficios da compañía no último trimestre.
Murdoch asegura que «para moitos xornais está claro que o modelo actual non está a funcionar» polo que están a buscar novas fórmulas para manter a viabilidade do negocio. O novo modelo freemium de Murdoch podería estar baseado nos micropagamentos, pois parece que a fórmula de subscrición que adoptaron no seu momento The New York Times e El País demostrou ser un rotundo fracaso. Posiblemente haberá que agardar ao outono para ver en funcionamento o novo servizo, que podería ser unha das solucións que salve á prensa da crise na que está sumida, aínda que sería preciso que moitos outros medios seguisen os pasos de Murdoch para que esta atrevida aposta non repita erros pasados.

PUBLICIDADE