Os xogos predominan na tenda de aplicacións de Apple

luns, 9 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Distribución por xéneros dos programas na App Store de Apple

En apenas 9 meses a tenda de aplicacións para o iPhone e o iPod Touch supera as 27.000 aplicacións, converténdose así nunha das plataformas móbil coa maior diversidade de software, aínda que grazas a Mobclix sabemos que entre estas aplicacións predominan os xogos que supoñen preto da cuarta parte das incorporacións á App Store.
O iPhone sería así un dos móbiles coa mellor oferta de xogos móbiles, pois non só goza cun grande número de títulos (6.279 neste momento), senón que moitos veñen de grandes compañías que ven cómo o terminal de Apple resulta moi rendible, mentres que para outras plataformas móbiles resulta máis complicado o retorno do investimento (lembremos que os autores dos xogos fanse co 70% do seu prezo de venda).
Dos xogos para o iPhone, o 24,2% son de balde, e por xéneros temos que os xogos de puzzle superan en número aos arcade e de acción, sumando entre estas 3 categorías o 40,1% dos xogos dispoñibles.

PUBLICIDADE