Os xardíns do Campus de Ourense, polo miúdo na Rede

xoves, 20 de xaneiro do 2011 Fernando Sarasketa

A Oficina de Medio Ambiente da Universidade de Vigo quere poñer en valor os xardíns do Campus de Ourense, especialmente valiosos pola súa riqueza botánica intrínseca e máis polo que poñen en xogo de integración da comunidade educativa coa paisaxe da contorna. Dáse a circunstancia de que unha boa parte deste traballo de valorización pasa pola Rede. De aí que a Oficina puxera en marcha un novo apartado na súa web para dar acubillo a tódolos usos de lecer que se lle poden dar estes enclaves. A nova sección, chamada Ruta da Árbores, achega entre outras cousas a posibilidade de percorrermos estes xardíns nunha visita guiada.
O proxecto en liña non xorde da nada. Previamente a dita Oficina despregou unha serie de traballos dirixidos a estudar e rexistrar as moitas especies ornamentais (25) ás que dan acubillo estes espazos de lecer. A información resultante emprazouse en dous planos: no físico (ao pé de cada especie, con feitura de ficha) e no dixital (na devandita web). A través das fichas de cada árbore, informa o departamento da Universidade de Vigo, os visitantes-internautas poden coñecer especies de case cen anos, como os cedros do Atlas, o Líbano e o Himalaia, ou o abeto de Douglas, unha das árbores que alcanza maior altura no mundo. Entre as achegas que proceden da nosa terra, cómpre salientar importantes exemplares de acivro, loureiro e érbedo.
Como se dixo, o obxectivo de todo este traballo en liña é favorecer o coñecemento dos xardíns, servindo de paso previo para unha visita guiada en grupo dos internautas. Nesta visita, o persoal da Oficina de Medio Ambiente explicarlles aos participantes a natureza destas especies e a riqueza botánica da zona.

PUBLICIDADE