Os voluntarios de mancomun.org penduran a versión definitiva do Firefox en galego

luns, 5 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Xa temos na Internet a versión definitiva do navegador Firefox traducido ó galego, tal e como reflicte estes días a plataforma mancomun.org e logo de que os participantes desta iniciativa (posta en marcha pola Consellería de Innovación e os colectivos de usuarios de software libre de Galiza) lle puxeran o punto e final á supervisión das cadeas da interface do dito programa que ficaban penduradas no Entrans. As cadeas e a interface na súa totalidade, que foron traducidas polos voluntarios de mancomun.org, están xa ó alcance de tódolos internautas galegos e inclúen unha traslación parcial dos manuais de axuda, que fican pendentes dunha revisión total que se vai acometer en breve.
Asemade, sinala a plataforma mancomun.org, poderase achegar en pouco tempo o resultado do traballo á Fundación Mozilla, co fin de que esta rexistre a tradución e que a dispoña como oficial na páxina de descargas de Firefox.
Cómpre sinalar que este navegador é sofware libre e foi desenvolvido orixinalmente pola devandita Fundación e unha manchea de voluntarios de todo o planeta. Trátase dunha ferramenta web multiplataforma, o que quere dicir que se pode empregar tanto en Windows como en Mac como en Linux.

PUBLICIDADE