Os vindeiros procesadores de Apple poderían ter até 32 núcleos de rendemento

luns, 7 de decembro do 2020 Marcus Fernández

Dende Bloomberg están a adiantar os plans de Apple ao respecto aos seus procesadores baseados en arquitectura ARM e que están a revolucionar o mundo da informática. Cando chegaron os novos procesadores M1 de Apple, chamaron moito a atención por ser quen de superar aos seus equivalentes con tecnoloxía de Intel en rendemento á vez que reducían considerablemente o seu consumo enerxético, o que facilitou que os novos portátiles de Apple puidesen gozar case do dobre de autonomía, pero a cousa non vai quedar aí, xa que estamos ante os procesadores da gama de entrada, e agora queda que fagan toda unha demostración de forza cos procesadores máis profesionais.
Ao parecer, os vindeiros procesadores Apple Silicon chegarán na primavera e no outono, e chegarán no interior de novos MacBook Pro, novos iMac e incluso un novo Mac Pro, e dos que están a detallar o número de núcleos que presentarán, ameazando con deixar en moi mal lugar os seus equivalentes con procesadores de Intel.
Actualmente os procesadores de portátiles de Apple chegan até os 8 núcleos, os iMac Pro chegan até os 18 núcleos e os Mac Pro até os 28 núcleos, mentres que os novos M1 polo momento chegan aos 8 núcleos, pero aseguran que están xa a probar variantes de alto rendemento de 16 e 32 núcleos, que serían os que teriamos no mercado en 2021, para que a finais de 2021 e en 2022 puidesen chegar aínda solucións con 64 e 128 núcleos, buscando un grande rendemento gráfico.
Haberá que agardar á presentación oficial dos novos SoC de Apple, para ver se só apostan por incrementar os núcleos da CPU e da GPU integrada, ou se facilitan a integración de gráficas dedicadas, pois estamos ante decisións estratéxicas que moldearán o mercado profesional e poden dificultar moito as comparacións con sistemas baseados en procesadores de Intel (con arquitecturas diferentes e orientacións de produto tamén moi diversas).

PUBLICIDADE