Os videoxogos e a literatura, a debate dende o MARCO de Vigo da man da Fundación Carlos Casares

mércores, 27 de setembro do 2023 S. P.

O Edificio MARCO de Vigo acollerá esta fin de semana a quinta edición das Xornadas Videoxogo e Literatura, convocadas baixo o epígrafe Unha mirada transversal e organizadas pola Fundación Carlos Casares.
A actividade, patrocinada polo Concello de Vigo, a Deputación de Pontevedra e mais a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, desenvolverase do xoves 28 ao sábado 30 de setembro, analizando na súa quinta edición o sector cultural do videoxogo na súa relación con outros sectores culturais. Como elemento artístico, a pianista Elesky dará un concerto gratuíto de bandas sonoras de videoxogos o venres ás 19.45h no cine Salesianos.
As V Xornadas Videoxogo e Literatura é unha actividade anual da Fundación Carlos Casares, coa que pretende “abordar o sector cunha perspectiva transversal, sen perder de vista a relación coa literatura e as súas técnicas, así como as relacións que se establecen con outros sectores culturais e creativos”. As xornadas pretenden, tamén, ampliar o coñecemento público do sector; debullar as perspectivas de crecemento e apuntar retos e desafíos dos seus profesionais.
Segundo informa a Fundación Carlos Casares, nesta quinta edición “consolídase a mirada transversal mediante novos contidos para as mesas redondas e os faladoiros (dobraxe, tradución, creación de contidos, procura de accesibilidade, sustentabilidade, creación indie, mangas, xogos de mesa e rol, proxectos educativos e formativos, etc) e clases maxistrais sobre deseño de diálogos”. Como actividade externa, contarase coa presenza de Elesky, que dará un concerto de piano no Cine Salesianos o venres 29 de setembro ás 19.45h. A artista fará un repaso polas bandas sonoras dos videoxogos. A entrada é gratuíta ata cubrir o aforo do recinto.
O programa tamén inclúe a actividade Desconferencia, un espazo reservado a calquera persoa interesada en vir falar ata un máximo de 10 minutos da súa experiencia, do seu proxecto creativo no sector do videoxogo, das súas inquedanzas na literatura transmedia, etc. “Trátase dun micro aberto na que, para poder participar, soamente é necesario apuntarse previamente”, sinala a organización.
A entrada ás xornadas é de balde. Porén, é recomendábel polo aforo que as persoas interesadas se apunten previamente na páxina web das xornadas. Para a Desconferencia, hai un rexistro específico na sección correspondente dentro da mesma páxina.

PUBLICIDADE