Os usuarios do correo de Yahoo! poderán enviar mensaxes ós móbiles dos seus contactos

martes, 28 de agosto do 2007 Fernando Sarasketa

Lonxe quedan aqueles tempos en que enviabamos de balde mensaxes de texto ós móbiles dende a Rede, e sen que nos puxeran atrancos para facelo. Logo pasou o que pasou: que o que nun principio era un servizo residuario chamou a atención dos axentes detectores do beneficio a toda costa que hai no mundo, e podemos asegurar que son moitos. Así que máis ou menos fomos testemuñas de cómo a billa se pechaba, paseniño pero sen pausa. En fin, enleadas aparte, o certo é que a firma Yahoo! semella interesada en retomar esa posibilidade de enviar SMS dende a Rede que, se ben non nos solucionaba todos os nosos problemas vitais, si que achegaba de cando en vez certas satisfaccións.
A idea de Yahoo! apóiase no devandito pero vai máis alá, ou se cadra menos alá, xa que o servizo só é para os seus usuarios. Consiste polo tanto en permitirlles ós internautas con conta no seu correo electrónico intercambiar mensaxes con clientes de telefonía móbil.
Estaríamos polo tanto ante un novo paso nesa certa maridaxe aínda non cen por cen consumada entre servizos de Rede e telefonía e que ben podería ser a gran baza de Yahoo! para as vindeiras semanas, co fin de amarrar un pouco máis forte ós seus máis de 250 millóns de usuarios en todo mundo, agora que son tentados cada día por outros servizos de correo semellantes que pisan forte (Gmail, por exemplo). O novo correo de Yahoo! achega tres alternativas novas de comunicación: correo electrónico, mensaxeiría instantánea ou mensaxe ó teléfono do usuario. Para comezar, esta última opción en concreto só estará ó alcance dos usuarios de Estados Unidos, Canadá, India e Filipinas.
Imaxe de D. N. A. vista no Diario Noticias de Álava.

PUBLICIDADE