Os usuarios de Facebook xa poden mudar os seus perfís en biografías

xoves, 15 de decembro do 2011 Marcus Fernández

En setembro Mark Zuckerberg presentou un novo xeito de amosar os perfís de Facebook chamado Timeline (biografía en español) que busca facer máis visual a consulta dos perfís dos nosos amigos nesta plataforma, á vez que pretende recoller a historia da vida dos usuarios, e aínda que dende tal data xa podía empregarse este tipo de perfil durante a súa fase de probas, hoxe faise oficial, de xeito que os usuarios de todo o mundo xa poden actualizar a súa conta de usuario para que estea dispoñible como biografía.
Para facilitar a adaptación á nova vista de Facebook, os usuarios que opten por Timeline terán 7 días durante os que, se non activan a publicación da súa biografía, facer modificacións para adaptar a estética do seu novo perfil de Facebook (tras 7 días a publicación será automática).

Os dispositivos con Android xa poden ver as biografías na versión web móbil de Facebook

As publicacións realizadas no taboleiro dos usuarios de Facebook poderán agora ocultarse ou destacarse para a vista de biografía (no caso de destacar un contido, ocupará as 2 columnas de ancho nas que se reparte a información), e tamén será posible acceder a un rexistro de actividade no que consultar a información máis detallada sobre o que cada usuario realiza en Facebook.

Tamén no móbil

Os dispositivos co sistema operativo Android que accedan á versión móbil da páxina web de Facebook tamén poderán ver as biografías dos usuarios que teñan activada tal funcionalidade, o que principalmente é un xeito máis agradable de ver as fotografías publicadas dende o teléfono móbil.

Algúns usuarios levan bastantes semanas probando a nova funcionalidade de Facebook


Vídeo de presentación das novas biografías de Facebook

PUBLICIDADE